jueves, 30 de septiembre de 2010

Un mar de pedra. Sobre o proceso escultórico de Manolo Paz



Manu e Xacobo coñecéronse no desaparecido vídeo-club vigués Arte i ensaio, cando o primeiro programou unha curta do segundo nunha das sesións que adoitaba organizar naquel estupendo espazo. Axiña decidiron traballar xuntos, e despois de visitar o obradoiro do escultor Manolo Paz unhas cantas veces, o artista pediulle a Manu facer un vídeo para unha galería de Madrid; o punto de partida para un proxecto máis ambicioso. A mediados do 2007 Paz recibiu un encargo da galería SCQ. Ía ser a súa primeira exposición individual despois dunha década, e a ocasión semellaba perfecta. Manu e Xacobo comezaron a documentar todo o proceso creativo do escultor, dende que vai á canteira até que expón a súa obra. O resultado foi o interesante documental Un Mar de Pedra, que logo da súa estrea no Play-Doc de Tui será proxectado os días 6 e 8 de outubro no Fesival de Cine Internacional de Ourense, e nos vindeiros meses viaxará até París e México.

-Non hai en toda a película un só plano que non sexa fixo. Ten isto algo que ver con que se estea a falar de escultura?

-Inicialmente non pensamos se estabamos a falar de escultura ou de arte. Non queriamos intervir moito na imaxe, nin buscar artificios e virtuosismos fotográficos. Empregamos a cámara como se fose unha fiestra aberta ao espectador dende o obradoiro de Manolo en Castrelo. Así foi como o sentimos e así foi como tentamos amosar o mundo de Paz. Pero si, foi unha aposta estética que decidimos dende o principio, xa que nos sentimos cómodos coa cámara fixa, e Manolo tamén. Tiñamos que ter en conta que non podiamos distraer ao artista; calquera movemento podía desconcentralo e ter unhas consecuencias negativas na súa produción. Manolo Paz tamén “enfoca” deste xeito as súas pezas, fundíndoas no contorno, e nós retratamos a Manolo e a súa obra insertándose nesa espacialidade teatral que provocan estes planos abertos e fixos. Obviamente o tempo do filme pedía esta proposta estética. O fluír do tempo, o paso dos días, a tranquilidade que evoca o contorno de Manolo só pode ser reflectida con planos fixos, longos e coidadosos.


-Faládeme da posta en escena, na que os personaxes aparecen de xeito aparentemente natural, aínda que se trate dunha naturalidade estilizada.

-Se temos en conta a liña argumental do filme, atopamos dous camiños. Por unha banda está o proceso creativo do escultor; pola outra a súa evolución vital. Dentro destas dúas liñas podemos diferenciar un cinema observacional fronte a outro máis testemuñal. Neste caso as testemuñas si que aparecen cunha naturalidade estilizada, tal como a defines, pero é unha naturalidade propia dos personaxes, xa que todos coñecen dabondo a vida de Manolo; sentíanse a gusto xuntos e seguros de si mesmos para falar de Manolo. Por exemplo, na secuencia do bar, o que leva a voz cantante é Falúa, compañeiro da cuadrilla de Manolo dende nenos. Para el foi un orgullo poder participar no proxecto e amosarnos o que sería unha xornada de descanso en Cambados, onde todas as fins de semana se xuntan no Bar Silva canda outros artistas da zona, como Chazo ou Chaves. En definitiva, o que procuramos foron situacións favorables para que os entrevistados se sentisen cómodos e arroupados, e non ter nós que intervir apenas para que o diálogo entre eles fluise.


-Por que Manolo Paz sempre vai vestido igual?

-Manolo sempre vai así porque son as prendas que ten no obradoiro para traballar. Chega e múdase coa roupa que ten alí. É verdade que sempre sae cunha camisola vermella, pero tamén é certo que ten varias de desa cor.

-Só escoitamos o testemuño doutras persoas. Por que non lle destes voz ao artista?

-Manolo fala coa pedra. Mantén un diálogo constante coa materia e co contorno. Talla as súas palabras na pedra. Coñecemos como se fai unha escultura grazas ao diálogo de Manolo e a materia, e coñecemos a Manolo a través dos diálogos que manteñen os demais sobre el. Foi unha razón de honestidade. Que podería dicir Manolo con palabras que non diga coa súa obra?


-Fálase de Manolo Paz como artista intuitivo: o seu traballo parece que non xurde da intelectualización de problemas artísticos. Que pensades vós? Que posición tedes coma creadores?

-Manolo é un artista por intuición e observación. O seu constante contacto coa natureza e o seu afastamento das elites intelectuais fan del unha persoa libre e sen ataduras socioculturais. Esa liberdade faino ser xenuíno e converte o seu localismo nunha linguaxe universal. Como creadores, esta postura parécenos lexítima, respetable e admirable: de como un neno que pasaba todo o día co gando chega a ser un artista universal.


-O papel da natureza e da cultura do rural é moi importante na obra de Manolo Paz. O primitivo, o local e a contemporaneidade máis global nun mesmo artista. Que importancia ten para vós cada un destes referentes?

-Como di Antón Lamazares no filme, Manolo sabe dar duro porque traballa dende o interior das nosas entrañas. Unha mensaxe tan simple (pero ás veces abstracta) chega directamente ao receptor porque el sabe de que está a falar, e síntese ligado ao que está a percibir sen ter que facer un gran esforzo intelectual. Paz é honesto consigo mesmo e co público, e o seu camiño é, se cadra, o inverso que fai calquera artista contemporáneo. Pasou do urbanita (nas súas estancias en Nova York ou Xapón durante os anos 80) ao megalítico, para atoparse a si mesmo e as súas raíces, e desta maneira asimilar todo o que tiña no subconsciente dende que era un neno, xa que todo o seu contorno estivo cheo de pedra. Dende os petroglifos de Campo Lameiro, a Torre de San Sadurniño, as esculturas de Asorey, a tradición canteira do Salnés, a Praza de Fefiñáns… todo un universo pétreo onde nutrirse.

-Alguén di na película que ás veces foi máis doado vender a Manolo Paz en USA que na propia Galicia. Por que pensades que pasa isto? Está a ocorrer agora mesmo algo semellante?

-Isto dío Assumpta, a directora da galería Trinta de Santiago. Ela é unha gran coñecedora da obra de Manolo porque foi a súa galerista durante moitísimos anos. Con el viaxou a feiras internacionais de arte contemporánea coma a de Chicago ou a de Miami, onde a obra de Paz tivo unha enorme aceptación. Ás veces non se valora o que temos na casa. Pero isto pasa sempre, no só na arte ou na cultura, tamén no deporte, na ciencia ou noutras disciplinas. Afortunadamente esta tendencia está a cambiar grazas ao traballo de xente como Manolo, Antón Lamazares, Leiro, Penela e outros artistas que decidiron traballar dende Galicia para o mundo, e que abriron vieiros ás novas xeracións para non ter que mudar de residencia. Pero o camiño non é doado; aínda hai que mellorar moitísimo en canto a axudas e divulgación, ademais de concienciar á xente de que a cultura é un piar básico no desenvolvemento das persoas e das civilizacións.


-Para vós, como documentalistas, que significa a realidade?

-A realidade é o que nos rodea: a xente, o contorno, o contexto, o que podemos falar e escoitar. Pero ben, se atendemos á nosa visión de realidade como documentalistas ou cineastas, sempre existe o factor do punto de vista, é dicir: a subxectividade. O ideal é alterar o menos posible -por no dicir nada- o que nos rodea, a realidade. Pero iso é imposible. En maior ou menor medida todo narrador conta da feira según nela lle foi. A obxectividade é imposible, e polo tanto plasmar a realidade nunha cinta tamén. Pero aí está o reto da profesión, facer que o noso traballo sexa crible, plasmar a realidade nunha pantalla e achegarnos o máximo posible ao que estamos a experimentar cos nosos sentidos.

-En que outros proxectos estades a traballar?

-Como realizadores, tras o proceso de aprendizaxe que supuxo este documental, sentímonos capacitados para emprender aventuras por separado. Mentres tanto tamén traballamos como editores e operadores de cámara (no caso de Manu) e en sacar adiante unha nova aventura empresarial co nome de Madre Films (por parte de Xacobo).


Un mar de Pedra - Documental sobre Manolo Paz - Teaser01 from unmardepedra on Vimeo.

No hay comentarios: